Brillante futuro do sector audiovisual en Galicia?

futuro do sector audiovisual en Galicia

Son moitas as aprendizaxes que nos deixa este 2020 e o seu principal convidado, o COVID-19. Decatámonos da escasa importancia dalgunhas cousas e a necesidade real de outras. Isto foi o que ocorreu precisamente co sector tecnolóxico e audiovisual. Atopándose nunha das épocas de maior auxe, esta situación particular reforzou o prometedor futuro do sector audiovisual en Galicia. Obrigados a pecharnos nos nosos fogares baixo sete chaves comprobamos como o cine, axudado pola tecnoloxía, se converteu nun compañeiro imprescindible. A ficción superada pola realidade, foi quen de traernos o sopro de aire fresco que nos faltaba. Como un dos mellores analxésicos, axudounos a reducir os niveis de estrés e medo. Transportounos a escenarios diferentes. Mergullounos na vida de personaxes alleos. Facilitounos coa súa maxia, esquecer as nosas circunstancias persoais durante horas. 

O sector audiovisual, referente da cultura galega.

Malia contar cunha normativa obsoleta (1999), este sector foi quen de seguir crecendo grazas á motivación e o talento dos seus profesionais. É un sector en expansión, tanto no marco nacional como internacional, que conta con 200 empresas activas. A actualidade confirma a importancia económica e social das actividades cinematográficas e do audiovisual na nosa comunidade. Relevancia xa recoñecida no pasado polos poderes públicos, que o definiron como sector estratéxico e prioritario para a consecución da normalización cultural e lingüística de Galicia (lei audiovisual de Galicia 6/1999. Punto 3. Artigo 1). O aumento de producións propias con proxección internacional e o uso das nosas terras como escenarios de rodaxe, aválano. Toda esta situación revela a necesidade urxente de innovación no audiovisual galego.

Futuro do sector audiovisual en Galicia: Innovación. Igualdade. Educación.

Ter coñecemento de que se trata dun sector moi castigado pola parálise actual. Aceptar que o cine e a tecnoloxía son unha ferramenta fundamental para espallar a nosa cultura e idioma dentro e fóra das nosas fronteiras. Son factores clave que impulsan ás administracións a apoiar este sector en constante crecemento. Tamén se están a facer movementos dende a Academia Galega do Audiovisual, co fin de establecer colaboracións coas institucións homólogas de España e Portugal (encontro do 18/12/2020 no Palacio de Exposicións e Congresos de A Coruña entre AGADIC, CGAI, CRTVG, AGAPI, CLAG, CREA, AISGE). O obxectivo é xerar unha plataforma de traballo común. Mellorar as circunstancias e oportunidades laborais. Poñer o foco na igualdade de xénero. Incorporar a xuventude, a través da inclusión deste sector no ámbito educativo, co fin de acercar o coñecemento tecnolóxico e audiovisual ás escolas. Son algunhas das liñas de acción prioritarias.

Espazo de traballo colaborativo.

Trátase dun proceso creativo, vivo e independente no que se mestura unha diversidade ampla de consolidados e novos talentos en constante colaboración, espallados pola nosa xeografía. Require dun escenario flexible e moderno, que favoreza a interacción entre persoas e o desenvolvemento de novos proxectos. Este é o obxectivo da Deputación da Coruña, que ofrece ós profesionais do sector o espazo de coworking A Proa, situado no parque empresarial Novo Milladoiro (Rúa das Hedras), Concello de Ames. Entorno favorable por ser tamén a sede de grandes empresas do sector como Bahía Software, Ozono Multimedia, Xebook, Código cero, Ficción producciones, Galiciatic, etc. Un punto de encontro no que tecer redes de traballo colaborativo entre esas persoas, que con moita paixón elixen cada día dedicarse a facer maxia para nós. 

Nos dicimos que si a un brillante futuro do sector audiovisual en Galicia. ¿E ti?

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.