Nun contexto marcado pola transformación dixital, a transición ecolóxica e a incerteza sociolaboral, o sistema educativo enfróntase ao reto de preparar ao alumnado non só para exercer profesións técnicas, senón tamén para actuar con autonomía, capacidade crítica e espírito proactivo. Nese sentido, a introdución de competencias emprendedoras no currículo constitúe unha ferramenta clave para o desenvolvemento integral do estudantado.
Por que é importante achegar o emprendemento ás aulas?
A incorporación do emprendemento á educación non debe entenderse unicamente como a promoción do autoemprego, senón como un enfoque pedagóxico transversal que:
- Fomenta competencias clave como a creatividade, a resolución de problemas, a xestión da incerteza, a comunicación eficaz e o traballo colaborativo.
- Reforza a motivación e a autonomía do alumnado, ao conectalo con proxectos reais e retos significativos.
- Conecta a educación co contorno socioeconómico, favorecendo a implicación da comunidade local e a comprensión do tecido produtivo próximo.
- Responde ás orientacións europeas, como a Recomendación do Consello sobre as competencias clave para a aprendizaxe permanente (2018), que recoñece o espírito emprendedor como unha das oito competencias básicas.
A experiencia de coworkers do Espazo A Proa no IES de Milladoiro
A actividade consistiu nunha xornada de achegamento entre os coworkers de Espazo A Proa e o alumnado de 4º da ESO do centro. Os profesionais participantes con perfís diversos, compartiron a súa traxectoria emprendedora, os desafíos do día a día e as claves para desenvolver un proxecto.
A través de conversas abertas e dinámicas participativas, o alumnado puido identificar referentes próximos, comprender a realidade do emprendemento e descubrir posibilidades profesionais.
A experiencia no IES de Milladoiro pon de manifesto o valor engadido que os espazos de traballo colaborativo, como Espazo A Proa, poden aportar á comunidade educativa. Non só como escenarios de aprendizaxe informal, senón como pontes entre o mundo académico e o profesional, especialmente a nivel local.
Desde Espazo A Proa seguimos comprometidas coa xeración de oportunidades, o apoio ao talento e a dinamización do noso territorio. Apostamos por unha visión do emprendemento que combine innovación e impacto social.