Cantas veces dixeches para ti “en calquera momento vanse dar conta de que non sei tanto como parece”? Ou canto che custou poñerlle prezo aos teus servizos pensando que “aínda non estás o suficientemente preparado/a”? Se estas frases resoan na túa cabeza, o primeiro que debes saber é isto: nin es un fraude, nin estás só/a.
Isto que sentes ten un nome moi concreto: a síndrome da impostora (ou do impostor). E no mundo do emprendemento, é un compañeiro de viaxe moito máis habitual do que pensas.
Que é e como se manifesta no teu día a día?
No seu libro El síndrome de la impostora (Editorial Península), Elisabeth Cadoche e Anne de Montarlot explican como a falta de confianza e a dúbida crónica son fenómenos profundamente humanos. Aínda que afecta a calquera persoa, cando emprendes intensifícase porque o teu negocio e a túa identidade persoal van da man.
Se estás emprendendo, seguro que te recoñeces en polo menos un destes patróns:
Perfeccionismo paralizante: Pospoñer o lanzamento dun produto ou servizo porque “aínda lle falta un detalle”.
Infravaloración (underpricing): Cobrar moito menos do que vale o teu traballo por medo a que che digan que é caro ou que “non o vales”.
A necesidade de “sabelo todo”: Creer que necesitas un curso máis, un título máis ou anos de experiencia antes de dar o salto.
Invisibilidade: Evitar expoñerte en redes sociais ou eventos de networking por medo ao xuízo alleo.
Desaparece algunha vez esa voz cruel?
A resposta sincera é: probablemente non. Cada vez que o teu negocio creza ou te enfrontes a un novo reto, esa voz interior volverá aparecer. É a resposta natural do noso cerebro ante a incerteza.
A boa noticia? Non tes que eliminala para ter éxito; só tes que baixarlle o volume.
Trátase de entender que esa dúbida non é unha proba da túa incapacidade, senón a demostración de que che importa o que fas e de que estás a saír da túa “zona de confort” ou mellor chamada zona coñecida.
Tres pasos para baixarlle o volume no emprendemento (e non camiñar en illamento).
Separa os sentimentos dos feitos: “Sentir que non sei” é só unha emoción. Os feitos son os teus clientes satisfeitos, o teu traballo xa entregado e a túa experiencia real.
Crea o teu “arquivo de evidencias”: Garda os comentarios positivos, agradecementos e fitos do teu negocio para reler cando a dúbida ataque.
Compartelo e sae do illamento: A síndrome da impostora aliméntase do silencio. Cando falas con outras persoas que están emprendendo, decátaste de que quen xa ten logros ou metas alcanzadas e sente exactamente o mesmo ca ti.
En Espazo A Proa acompañámoste na viaxe!
Emprender xa é suficientemente complexo como para facelo con ese ruído de fondo e en soidade.
En Espazo A Proa creamos un ecosistema onde non só atopas un lugar de traballo ou formación, senón unha comunidade real de persoas emprendedoras onde compartir retos, desmitificar erros e entender que a dúbida se leva moito mellor cando se fai en equipo.
Necesitas un espazo onde facer medrar o teu proxecto sen ter que demostrarlle nada a ninguén? Ven coñecernos e fagamos tribu!