Cando arrancas un proxecto, é fácil caer na trampa romántica de “persoa emprendedora multifunción”. Ao principio fas de todo: facturas, xestións, marketing, respondes correos e ideas o produto. Pero a medida que o proxecto medra —ou se queres que medre de verdade—, o teu rol ten que mutar. Deixar de facer tarefas que só moven o motor para pasar a ser quen leva o temón.
Hoxe fálase moito de liderado, pero ás veces parece que nos queren vender que liderar é poñer frases inspiradoras en redes sociais. A realidade é que o liderado non é unha fórmula máxica, senón un equilibrio entre habilidades brandas (soft skills) e habilidades duras (hard skills).
Por unha banda, necesitas competencias técnicas e de xestión (hard skills) que son esenciais para que o barco non afunda: desde a planificación financeira e o control de custos, ata a interpretación de métricas de negocio ou o deseño de estratexias de venta. Por outra banda, esas ferramentas non serven de nada sen as habilidades brandas (soft skills) que poñen a maquinaria a funcionar: a comunicación asertiva para marcar obxectivos sen xerar tensións, a empatía para entender os tempos do equipo ou a capacidade de negociación. Algunhas destas capacidades quizais sexan innatas en ti, pero a maioría —tanto as técnicas como as interpersoais— hai que adquirilas, traballalas e profesionalizalas. Todo isto non se improvisa, en moitas ocasións adéstranse.
Neste artigo non imos a falar de receitas máxicas, senón de catro piares concretos para exercer un liderado real no teu negocio.
1. Definir o rumbo (A estratexia clara)
Unha persoa que lidera non é a que máis berra, senón a que mellor sabe a onde vai. Se non tes clara a visión a medio e longo prazo do teu proxecto, o teu equipo (ou os teus colaboradores externos) darán voltas en círculo.
Na práctica: Traduce os teus obxectivos en métricas e plans de acción. Se o teu equipo sabe cal é o “norte” deste trimestre, non necesitará que esteas controlando cada paso.
2. Aprender a delegar (Con procesos, non con fe)
Delegar dá vertixe. É o gran talón de Aquiles de quen emprende. Pensar que “ninguén o vai facer coma min” é o camiño máis rápido cara ao burnout e o estancamento do negocio.
Na práctica: Crea manuais de procesos sinxelos. Antes de pasar unha tarefa, documenta como se fai. Liderar é dar as ferramentas necesarias para que os demais poidan facer o seu traballo con autonomía.
3. A toma de decisións baixo presión
O liderado mídese cando as cousas non saen como estaban no papel. Un provedor que falla ou un cliente importante que marcha. O pánico que, en moitas ocasións, produce a incerteza contáxiase rápido; a estabilidade, tamén.
Na práctica: Traballa con escenarios (Plan A, B e C). Cando xorde un problema, o liderado efectivo non busca culpables, busca solucións baseadas en datos, non en impulsos emocionais.
4. Escoita activa e honestidade
Unha persoa líder illada nun despacho (aínda que sexa un despacho virtual) é unha líder perigosa. Necesitas crear unha contorna onde a xente poida dicirche que unha idea túa non é boa sen medo a represalias.
Na práctica: Establece canles de comunicación claras e espazos de feedback habituais. Escoitar o que non queres oír é o que che pode salvar de cometer erros estratéxicos custosos.
Liderar un emprendemento de emprendemento é ser a persoa que pon a estrutura, que asume responsabilidades e que sabe potenciar o talento que ten arredor.
Se estás nese momento no precisas reenfocar o rumbo do teu negocio, lembra que en Espazo A Proa tes a comunidade e os recursos para apoiarte nese proceso.
Gobernar o barco require prática, pero cunha boa folla de ruta e acompañada, a viaxe faise moito máis viable.