O pasado 19 de novembro, o Espazo A Proa acolleu unha formación de Mariam Veiga que partiu dunha pregunta incómoda e moi real: se mañá necesitas clientes novos, que fas?
Boa parte da sala recoñeceu a resposta máis habitual: acceder a clientes a “porta fría”, escribir a novas empresas e esperar que alguén conteste. Mariam propuxo: menos perseguir e máis construír motivos para que te elixan.
Moitas veces non faltan clientes, senón que hai fricción no camiño comercial. Hai persoas que non chegan a entender por que deberían elixirte, outras que se interesan pero non dan o primeiro paso, e outras que compran unha vez e a relación non continúa.
Unha sesión práctica
Nunha das dinámicas, as persoas asistentes tiveron que explicar en moi pouco tempo que fan, para quen e por que merecen ser elixidas. Un exercicio sinxelo que deixou algunhas sorpresas: o que temos claro na cabeza non sempre é o que chega ao outro lado.
Tamén se falou de como xerar confianza antes de que o cliente nos escriba, de como pensar a oferta de forma que sexa máis fácil dicir «si» ao primeiro paso, e de como detectar en que punto do proceso comercial se están perdendo oportunidades.
Para levar a casa
Mariam deixou varias accións concretas, de baixo custo e aplicables nos días seguintes, e tres ideas que resumen o espírito da sesión:
- Explicar con claridade o que fas xa é parte de vender.
- A confianza traballa ao teu favor antes de que fales cun cliente.
- Unha acción feita esta semana vale máis que moitas intencións.
Se queres saber máis
Se queres coñecer o Espazo A Proa, a nosa comunidade de coworkers ou propoñernos formacións coma esta, escríbenos a espazoaproa@concellodeames.gal
Dende o Espazo A Proa damos as grazas a Mariam Veiga por compartir a súa experiencia coas persoas coworkers e participantes, e seguiremos organizando actividades que axuden a quen emprende a facer medrar os seus proxectos.
Se queres saber máis sobre o traballo de Mariam, podes ecoitar o episoido 4 dopodcast “Mar de Fondo” de Espazo A Proa